Notas sobre Castelao e Virxinia

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Xoán Fórneas) foi unha das figuras máis importantes da cultura galega. Estudou medicina, aínda que non exercía, nas súas propias verbas, “por amor á humanidade”, mais pasou á historia como escritor, pintor, debuxante e político. As súas viñetas de humor, publicadas en xornais e revistas, pasaron a formar parte imprescindible do imaxinario coletivo galego. Inventou o seu propio xénero literario: as “cousas”, relatos curtos costumbristas acompañados de ilustracións do autor, que foron recompiladas nos libros Cousas e Retrincos, a súas dúas obras máis recoñecidas, retratando as mágoas da emigración e o caciquismo cun ollar que abanea entre a melancolía e a retranca. Foi membro da xeración Nós, a cohorte de escritores galegos máis destacada do século XX. Tivo unha carreira política moi activa no eido do nacionalismo galego, que o levou a se converter en deputado. Neste rol foi o encargado de entregar en 1936 ao Presidente das Cortes Españolas o texto do Estatuto de Autonomía de Galicia, que non chegou ser aprobado polo estoupido da guerra civil. Trala guerra foi ministro do goberno republicano no exilio. Morreu en Buenos Aires en 1950, despois de dous anos e medio de enfermidade. En conmemoración do seu 75 cabodano, a Xunta de Galicia declarou 2025 como o Ano Castelao. En Antes de nós achegámonos ao Castelao médico, co seu servizo en Rianxo durante a gripe española, e ao Castelao pai, tras perder o seu fillo Chuchiño cando este só tiña 14 anos.

Virxinia Pereira Renda (Cris Iglesias) naceu no seo dunha familia acomodada d’A Estrada. Coñeceu a Castelao en Santiago de Compostela, cando el estaba estudando e ela visitando os seus irmáns, e tres anos máis tarde casaron. Aínda que polos seus antecedentes familiares semellaba destinada a unha existencia tranquila de clase media-alta, o seu compromiso con Castelao e coa súa ideoloxía levárona a ter unha vida máis accidentada pero tamén máis interesante. Ao comezar a guerra civil, acompañou a Castelao nunha campaña para recoller fondos para o bando republicano levounos á U.R.S.S., Cuba e EE.UU. A vitoria do falanxismo obrigounos a exiliarse a Bos Aires. Coidou a Castelao durante a súa enfermidade ata quedar viúva con 65 anos. Durante o resto da súa vida adicouse a loitar para manter vivo o legado do seu marido.

Outras novas